NARRACIÓN E PUBLICIDADEA narración ten moito peso no mundo da publicidade: por medio de pequenas historias permite presentar un produto e explicar as súas virtudes e a súa utilidade, ou facernos ver as consecuencias da súa carencia.
Debemos diferenciar a publicidade impresa (anuncios en xornais, revistas, valados publicitarios, etc) e a publicidade en medios audiovisuais (radio, televisión, vídeos, na Rede, etc.). Atopamos a narración publicitaria nos medios que permiten imaxe en movemento, xunto coa voz e o son e máis tamén nas publicacións impresas que carecen destes elementos dándolle predominio á imaxe estática e ao texto.Os anuncios impresos pódense relacionar coas viñetas da banda deseñada (condensación de texto e imaxe) e os anuncios en medios audiovisuais pódense relacionar co cine (comparten con el recursos como creación de ambientes, personaxes, ángulos...).
CARACTERÍSTICAS DA NARRACIÓN PUBLICITARIA
Practicamente todos os elementos característicos de narración poden atoparse na narración publicitaria (punto de vista, tempo, espazo, personaxes, trama...):
  • Os temas son un abano de posibilidades tan amplo coma o número de produtos posibles de ser anunciados; o enfoque do tema pode ser realista, metafórico, humorístico...
  • A trama narrativa: Preséntase condensada, reducida ao máximo pola escasa duración dos anuncios publicitarios; só temos que pensar que a publicidade se cotiza por tempo( na radio ou TV) ou por tamaño (na prensa).
  • A estrutura argumental é bastante fixa: situación inicial conflitiva que se resolve grazas ao produto anunciado (este pode presentarse ao inicio ou aparecer no momento de solucionar o problema).
  • O carácter das historias está unido ao produto anunciado e o usuario final a quen vai dirixido (o sexo, a idade do espectador pode diferenciar un anuncio doutro).
  • O ritmo temporal é rápido consonte á brevidade do anuncio polo que son frecuentes as elipses e a síntese.
  • Os personaxes responden a estereotipos sociais, económicos e culturais diferenciándose con claridade os roles de cada usuario (ama de casa, modelo, home, muller...).
  • O espazo, o ambiente e os elementos secundarios son acordes co produto promocionado (perfumes--> espazos elegantes ou frescos, deterxentes--> a cociña... ).
  • A música é un elemento novidoso na narración pero fundamental no spot, poden tratarse de sons xa coñecidos (cancións xa editadas) ou creado ex-professo para o anuncio. Coinciden en ser breves e pegadizos con letriñas simples.
  • Os eslogans son as frases que conteñen a esencia da mensaxe publicitaria, insírense durante a narración ou ao final do spot a xeito de conclusión e coa finalidade de fixalo na mente do espectador.
  • Nos anuncios en medios audiovisuais son fundamentais as técnicas de tratamento das imaxes, os efectos de luz, movementos da cámara, fundidos, distorsións, etc.




Fonte:
Bará Torres e Lourenzo González: Lingua galega e literatura 3. a Narración. Edicións Xerais. Vigo, 1996.