EXEMPLO DE ANÁLISE DUN ANUNCIO DE TELEVISIÓNEliximos o anuncio do coche Ford Fiesta Mango




Que di?Nun apartamento dun pobo mediterráneo hai unha festa. Unha rapaza baila no medio dun grupo de amigos con música de percusión. Outro rapaz, que está só e preocupado, sae da casa e diríxese cara ao coche. Cando entra no coche cesa a música. Busca as chaves pero non as atopa. Entón se ve unha man feminina que acaricia a marca traseira do coche mentres soa unha canción interpretada por unha voz feminina. A rapaza, acariciando o coche, diríxese cara á parte dianteira do coche e móstralle a chave. Rinse e vanse no coche. Sen rematar de saír o coche de cadro aparece un texto que di: "Festa Mango, Ford, Todo o que facemos condúcenos a ti". Sobre os textos óese unha voz masculina que di: "Novo Festa Mango".
E unha voz feminina di: "Provoca paixóns".
Como o di?
  • Soporte, materiais e técnicas: trátase dun anuncio para televisión de 30 segundos. Rodado posiblemente en cinema, porque ata moi recentemente o vídeo non alcanzou a calidade que pide a televisión. Está feito con medios sinxelos, en dous escenarios, con dous actores principais e cinco ou seis figurantes.
  • Estrutura do documento: o anuncio dura 30 segundos e, como se pode ver no guión técnico, ten 22 planos. A súa estrutura é clásica: Presentación, conflito e desenlace.
A. -Estrutura temporalHai tres secuencias: unha dentro da casa e dous no exterior. A primeira ten dúas escenas, a segunda tres e a terceira unha.
  1. 1ª secuencia. Interior cuarto.
    • 1ª escena. Rapaza que baila
    • 2ª escena. Rapaz só que se vai.
  2. 2ª Secuencia. Na rúa.
    • 1ª Escena. O rapaz sae da casa e introdúcese no coche.
    • 2ª Escena. No interior do coche, o rapaz busca a chave.
    • 3ª Escena. A rapaza acaricia a marca do coche e mostra as chaves.
  3. 3ª Secuencia. Vanse e aparecen os textos.
O ritmo da acción é moi rápido e está expresado con planos de moi escasa duración (unha media de 1,36 segundos por plano, pero hai 5 de 1 segundo ou menos e 12 entre 1 seg. e 1'5 segs.), algunhas elipses, moito movemento de cámara e grande capacidade de síntese. O traxecto do rapaz cara ao coche está contado en tres planos (9 Comeza a baixar a escaleira, 10 Remata de baixar e 11 Sentado no coche, pecha a porta). O plano 21 mostra os ollos sorrintes da rapaza, que se supón que está fóra do coche, hai un fundido en branco e no plano 22 xa está dentro e vanse. A pesar da curta duración dos planos a cámara móvese en 10 dos 22 planos e o movemento dentro do plano (os personaxes) é continuo. Hai algúns encadeados para acelerar a acción.
b.- Estrutura espacialA acción está absolutamente fragmentada, pola escasa duración dos planos e pola abundancia de planos curtos:3 planos xerais (1, 12 e 22) 1 plano enteiro (10) 4 Planos americanos (5, 13, 16 e 18) 4 Planos medios (4, 9, 14 e 19) 10 Primeiros e primerísimos planos (2, 3, 6, 7, 8, 11, 15, 17, 20 e 21) O movemento é continuo, tanto dentro do plano como por parte da cámara: 6 Panorámicas (1, 2, 7, 9, 18 e 22) 3 Travelling (2, 12 e 16) 3 Balanceos (5, 10 e 11) 11 Planos fixos (3, 4, 6, 8, 13, 14, 15, 17, 19, 20 e 21), 50%. Tamén hai transicións, a maior parte encadeados para acelerar a acción e un fundido a branco para expresar o cambio temporal. A composición da maior parte dos planos, ben pola angulación da cámara ou polo encadre, é moi dinámica.
  • A cor: as cores son cálidas e luminosas, van dende o branco das paredes e a camiseta da rapaza ata o vermello do coche pasando polos ocres da empedrada da rúa. Tamén é vermello o logotipo MANGO.
  • A iluminación é natural e directa na maior parte dos planos, salvo nalgúns do interior. Nos planos exteriores puidéronse utilizar pantallas reflectantes porque no plano 19 en que vai á rapaza que ensina as chaves polo parabrisas, debería verse en contraluz. Pódese ver que a luz directa lle chega pola esquerda e, polo tanto, a parte dereita da cara debe estar iluminada con luz reflectida.
  • O punto de vista: a posición da cámara é moi efectista:
8 Cámara inclinada (1, 2, 4, 5, 6, 8, 10 e 11) 3 Picado (9, 11 e 20) 14 Contrapicado (1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 10, 13, 16, 18, 19 e 22) 5 Normal (12, 14, 15, 17 e 21) Como se pode ver, case un terzo dos planos están tomados con cámara inclinada. Dous terzos están feitos en contrapicado, tres planos en picado e só cinco teñen unha posición normal.
  • A textura: a imaxe é realista, respectáronse as luces naturais e as cores orixinais.
  • O son: a banda sonora é bastante sinxela. A primeira secuencia e o comezo da segunda, ata que o rapaz entra no coche, ten un son de percusión latina que remata co portazo do coche. No coche hai un momento de silencio e cando aparece a rapaza comeza unha canción cunha voz feminina sensual. No último plano, sobre a canción aparecen as voces dun home que di: "Novo Festa Mango" e unha muller que afirma: "Provoca paixóns".
  • Os textos: no plano 12 pódese ver, na matrícula dianteira do coche, o rótulo: FESTA e o logotipo FORD.
No plano 15 aparece o logotipo no coche: FESTA MANGO, acariciado por unha man feminina. Neste mesmo plano pódese ver que a matrícula traseira está en branco.

O plano 16, continuación do anterior, comeza co mesmo logotipo.
No plano final a vai o rótulo da matrícula dianteira e, a medida que o coche avanza, van aparecendo en pantalla dous letreiros. En primeiro lugar: FESTA MANGO e despois FORD, Todo o que facemos condúcenos a ti, isto subliñado.

O logotipo MANGO aparece inclinado para darlle máis dinamismo ao plano.
Con que intención?O que está no anuncio
O anuncio comeza cunha festa (FESTA MANGO). Un grupo de rapaces de preto de ao redor de 30 anos, dun nivel económico medio alto está a pasar uns días no apartamento da praia. Son todos varóns agás unha rapaza que baila sensualmente o ritmo afro-caribeño do tambor que toca un deles. "Mango" é unha froita tropical e esta palabra ten en castelán connotacións sexuais.
O rapaz está molesto, ben porque ela non o fai caso ou porque a desexa e ela baila para os demais. Así que decide deixar a festa. Sae coa súa chaqueta ao ombro. A música (e o recordo) perségueo ata que entra no coche.
Durante todo este tempo, abundan os planos con cámara inclinada para expresar a inquietude do protagonista. O ritmo da música e da cámara móstrannos un grupo de mozos alegres e dinámicos. Varridos e encadeados acentúan o ritmo. Predominan os planos en contrapicado para realzar os protagonistas. Os primeiros e primerísimos planos serven para centrar o tema nos protagonistas e os seus sentimentos.
Cando o rapaz entra no coche, este recinto é un espazo de tranquilidade e seguridade onde reina o silencio. Busca as chaves do coche, pero non as atopa, entón móstrase preocupado e empeza a pensar que perdeu as chaves e a rapaza.
Comeza unha música sensual cando a rapaza acaricia o logo do coche. Logo vai cara a diante, ela tamén leva a súa chaqueta ao ombro, sen deixar de acariciar o coche ata que toma asento no capot. Despois móstralle as chaves ao rapaz cun xesto de complicidade e insinuación. Sorrí, xa relaxado, e parten no coche. Suponse que cara a outra festa.
A música segue soando mentres aparecen as voces e os carteis. As voces son significativas. Primeiro unha voz profesional de home: Novo Festa Mango, logo unha voz feminina insinuante: Provoca paixóns. ¿Por iso é vermello nun ambiente de tons brancos e grises?. A luz tamén é forte.
É o coche o que provoca paixóns. Non vimos mais que contactos visuais, entre a rapaza e o rapaz. Pero vemos como a rapaza acaricia o coche. O rapaz liga grazas ao Festa Mango.
Os textos van na mesma dirección: Todo o que facemos nos conduce a tí. ¿A quen, ao rapaz, á rapaza ou aos dous?. A marca foi conquistada polo rapaz, pero a rapaza foi seducida pola marca, así que, para o rapaz, ese "nos conduce" refírese tanto ao coche coma á rapaza. Para a rapaza, tamén o rapaz e a marca van asociados.
O papel da muller non é moi positivo. A única rapaza nun grupo de homes, baila, coquetea e é seducida pola marca. Aínda que, por outra parte, domina a situación, claro que con malas artes: suponse que lle quitou a chave do coche. Non sabemos se chegaron á festa xuntos ou separados, pero vanse xuntos porque ela ten a chave. Ter a chave do coche proporciónalle poder sobre o rapaz.

O varón protagonista, non obstante, é o afortunado posuidor do coche ao que vai asociada a rapaza.
A marca asocia a festa con "mango", unha froita tropical e unha palabra con connotacións sexuais.
O que non está no anuncioNon sabemos como chegou ela a estar en posesión da chave, suponse que el non lla facilitaría. Non sabemos como remata a historia. Tampouco sabemos o prezo do coche (¿canto custa ligar?).
Conclusións

Parece evidente que este anuncio busca un target de mozos arredor dos 30 anos, cunha capacidade adquisitiva medio-alta, dinámicos, alegres, modernos, con ganas de festa... se non son así, o coche axudaraos a selo.
Agora podes elixir o teu un anuncio e analizalo seguindo este modelo. Se non o fixeches antes ou tes dúbidas, podes repasar o método de análise